Thursday 25 de April de 2024

A Xunta destinará 1M€ a consolidar o aproveitamento lúdico das augas termais galegas


A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá o concello de Bande para comprobar as actuacións que se están realizando dentro do convenio asinado entre as dúas administracións en materia termal

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, avanzou esta mañá que a Xunta destinará, nos orzamentos do ano que vén, un millón de euros a unha nova orde de axudas que terá como obxectivo potenciar e consolidar o aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia. Así a partida destinada a apoiar unha minaría sustentable incrementarase ao pasar dos 1,3M€ aos 3,4 en 2022.

A directora fixo este anuncio en Bande, durante a visita que realizou para comprobar as actuacións que este concello está realizando froito dos convenios firmados en materia de termalismo para a obtención do recoñecemento da condición mineiro-medicinal e termal das augas quentes situadas na contorna do encoro das Conchas.

En concreto, as dúas institucións firmaron un primeiro convenio por importe de 70.000 euros en 2019 para elaborar os proxectos técnicos e realizar as infraestruturas necesarias que permitisen o acceso para a toma de mostras. Este ano asinouse un segundo convenio de 18.102 euros para a toma de mostras, análise das augas e elaboración de informes para o recoñecemento das augas e o seu eventual aproveitamento futuro, o que suporía unha oportunidade para a súa posta en valor, explotación, fomento do turismo termal sostible
e, en definitiva, a dinamización económica do municipio.

Actualmente, estanse a realizar as análises necesarias para concluír se as augas poden ser obxecto de explotación no futuro. Son necesarias 12 analíticas –unha por mes–, así como varios informes que, de ser favorables, permitirían outorgar a declaración de augas mineiro medicinais.